Salcedo volve manifestarse para reclamar a construción do campo de fútbol

Pontevedra
11 de febreiro 2023

É a segunda mobilización que levan a cabo estes veciños para esixir ao Concello que cumpra coa súa palabra e constrúa esta infraestrutura deportiva na parcela de 14.800 metros cadrados que a comunidade de montes de Salcedo cedeu en novembro do 2020

Manifestación da veciñanza de Salcedo
Manifestación da veciñanza de Salcedo / Mónica Patxot

Unha nova manifestación convocada pola Sociedade Cultural Deportiva Salcedo percorreu este venres as rúas de Pontevedra para reclamar a construción do campo de fútbol na parroquia. É unha promesa reiterada durante máis dunha década pero que segue incumprida.

É a segunda mobilización que levan a cabo estes veciños para esixir ao Concello que cumpra coa súa palabra e constrúa esta infraestrutura deportiva na parcela de 14.800 metros cadrados que a comunidade de montes de Salcedo cedeu en novembro do 2020.

Desde o Goberno local reiteran que este proxecto, orzado agora en 1.978.000 euros, é unha "prioridade" pero aos veciños acabóuselles a paciencia e critica o "desleixo" do equipo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Á manifestación deste venres asistiron tamén concelleiros do Partido Popular e tamén representantes doutras formacións políticas que aspiran a formar parte da Corporación local.