'Salvemos a Fracha' expoñerá as súas reivindicacións no Parlamento Europeo

Pontevedra
09 de decembro 2014

A plataforma veciñal participará nunhas xornadas que promove Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Bruxelas entre o mércores 10 e o xoves 11. Unha delegación de 55 persoas vinculadas a asociacións e organizacións sociais galegas denunciarán as múltiples amezas de acaparamento de terras ás que se enfronta a día de hoxe Galicia

Acto reivindicativo de Salvemos A Fracha na Praza de Ourense
Acto reivindicativo de Salvemos A Fracha na Praza de Ourense / Diego Torrado

A plataforma veciñal 'Salvemos a Fracha' dará a coñecer esta semana as súas reivindicacións no Parlamento Europeo. O colectivo integrado por veciños da parroquia pontevedresa de Marcón e de distintos puntos do Concello de Vilaboa en contra do proxecto da autovía A-57 que promove o Ministerio de Fomento participará nunhas xornadas que promove Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Bruxelas.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lidia Senra, coordinará entre o mércores 10 e o xoves 11 unha delegación de 55 persoas vinculadas a asociacións e organizacións sociais galegas que denunciarán no Parlamento Europeo as múltiples amezas de acaparamento de terras ás que se enfronta a día de hoxe Galicia. Entre elas está o colectivo pontevedrés.

A través desta iniciativa, Lidia Senra  pretende "traer a Bruxelas as diferentes formas de acaparamento da terra en Galiza", e "dar a coñecer as loitas que en diferentes puntos do noso país están a se levar adiante para impedir a apropiación das terras e dos montes por empresas de todo tipo ou para grandes infraestruturas pensadas en función dos intereses capitalistas". 

Dende AGE recordan que o termo  "acaparamento de terras", coñecido internacionalmente como land grabbing, fai alusión á adquisición de terreo agrícola con fins comerciais, tales como la produción de alimentos a escala agroindustrial, agrocarburantes, infraestructuras enerxéticas ou grandes estruturas como a A-57.

Arquivado en