A plataforma Salvemos a Fracha pide ao Ministerio de Fomento que non se "precipite" nos pasos que dá para seguir adiante co proxecto da autovía A-57, pois a Audiencia Nacional admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado contra esta infraestrutura e agora está a estudalo.
Nun comunicado remitido aos medios, a Plataforma Salvemos a Fracha lembra que ten solicitada nos tribunais a suspensión cautelar das obras mentres se estuda o proxecto, e que no mes de maio a Sección 8 da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional púxose en contacto con Fomento para reclamarlle que manifeste a súa postura sobre esta medida cautelar.
A plataforma veciñal fai un chamamento á "cautela" do Ministerio de Fomento unha vez que tivo coñecemento da adxudicación á empresa San José S.A. a construcción do primeiro tramo da autovía, que vai entre Vilaboa e A Ermida.
Segundo Salvemos a Fracha esta noticia "causou malestar entre os veciños e afectados, pois despois de tantos anos de atraso que leva acumulada a obra non é entendible que Fomento teña agora tanta presa en adxudicar a obra e comezar os traballos da autovía A-57 cando está a ser estudada polos tribunais".
Este colectivo entende que "sería lamentable que acelerasen os trámites nestes momentos e realizasen actuacións que no futuro se vexan compremetidas por unha resolución xudicial".
DESPILFARRO
Salvemos a Fracha considera un "despilfarro sen ningún tipo de xustificación nin fundamento" que o Ministerio de Fomento destine 60 millóns de euros "nunha autovía que non é necesaria para as comunicacións de Pontevedra e o seu entorno, senón que é unha falsa circunvalación que se está a vender como tal para intentar conseguir un respaldo vecinal a un proxecto que non suporá beneficios para os pontevedreses".
ESPERANDO POR PASTOR
Finalmente dende Salvemos a Fracha lembran seguen a agardar unha reunión coa ministra de Fomento, Ana Pastor Julián, que xa lle pediu por escrito en reiteradas ocasións e á que aínda non tivo resposta "a pesares de que o colectivo leva en loita contra a autovía A-57 dende abril do ano 2014 e presentou 20.000 sinaturas de cidadáns que piden sentido común antes de meterse nun proxecto faraónica coma este en época de recortes en servizos básicos", conclúe o escrito.