Campelo xa se prepara para vestir as súas galas máis terroríficas. O Samaín da parroquia cumpre este ano a súa décimo terceira edición e faino con ganas de seguir facendo historia, reunindo á veciñanza arredor da tradición, o medo e a diversión.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, presentaron este xoves o programa de actividades, acompañados por representantes da Asociación de Mulleres Arela e da AAVV de Campelo, dúas entidades fundamentais para manter viva esta celebración.
A programación arrincará o xoves 31 de outubro, ás 18.30 horas, co xa clásico truco ou trato polas rúas de Campelo, unha actividade pensada para que as crianzas e as familias dean o pistoletazo de saída á fin de semana máis arrepiante do ano.
Pero será o venres 1 de novembro cando Campelo viva o seu día grande, cunha completa axenda de propostas que combinan imaxinación, tradición e espírito familiar.
Entre as novidades deste ano destaca a Casa do Medo, unha experiencia que promete poñer os pelos de punta a máis dun. Estará aberta de 17.30 a 19.30 horas na antiga gardería de Campelo, completamente transformada para a ocasión.
A partir de aí, a compañía Barafunda Teatro tomará o relevo coa representación da obra "Quen dixo medo?", antes de dar paso á tradicional corredoira do terror e ao magosto popular, que contará coa música en directo do Dúo La Mecánica.
A festa rematará por todo o alto co espectáculo "Lumes do averno", ás 23.00 horas na Praza da Granxa.
O alcalde, Ángel Moldes, convidou a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta cita xa imprescindible que naceu da iniciativa popular e que cada ano suma máis participantes.