San Antoniño e Barcelos, escenario dunha programación cultural para impulsar o comercio

Pontevedra
28 de marzo 2018

O Concello de Pontevedra levará a cabo un Pé de Rúa o sábado 7 de abril co obxectivo de impulsar a relación entre cidadáns e comerciantes nestas dúas zonas pouco concorridas. Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto 'Pontevedra Capital  Shopping'

Presentación do vídeo promocional do Pé da Rúa na rúa San Antoniño e praza de Barcelos
Presentación do vídeo promocional do Pé da Rúa na rúa San Antoniño e praza de Barcelos / Mónica Patxot

A dinamización comercial segue no punto de mira do Concello de Pontevedra. O proxecto 'Pontevedra Capital Shopping' abre a súa programación do ano 2018 cun Pé de Rúa en San Antoniño e a praza de Barcelos, co obxectivo de impulsar a relación entre cidadáns e comerciantes nestas dúas zonas pouco concorridas.

O sábado 7 de abril levarase a cabo a iniciativa por parte da Concellería de Promoción Autonómica, cunhas actividades enfocadas, sobre todo, aos máis pequenos.

O vídeo promocional elaborado por Beatriz Císcar e Covadonga Canitrot retrata o espírito do evento. Nel, un neno cun estilo moi rockeiro percorre os comercios de San Antoniño ao ritmo do grupo pontevedrés Glitter & Litter.  

Música, teatro, danza, talleres e charlas, tal e como explica o programador do evento Marcos Rivas, asolagarán as rúas no horario comercial, coa seguinte programación:

Praza de Barcelos
12.00 a 13.30 horas: Horticultura creativa 
13.00 horas: In Rainbows de Radiohead versionada por nenos
17.00 a 19.00 horas: Festi Bonobo
18.30 a 19.30 horas: Bebidas Saúdables
19.00 horas: Danza Urbana
20.00 horas: Acústico de Vörtex
21.00 horas: Actuación de Grima

Rúa San Antoniño
12.30 horas: Performance 'Rúa de Acción'
13.30 a 15.00 horas: Pelexo de Gaita 
17.00 horas: Charla de Diana López 'A necesidade dunha sociedade feminista', na cafetería Tropic
18.00 a 19.00 horas: Obradoiro de Ilustración
18.00 horas: Performance 'Rúa de Acción 2' diante do supermercado Día

A  concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, explica que o balance do anterior ano foi positivo. Aínda que algúns comerciantes non viron un aumento significativo nas súas vendas, si demandan á institución que siga apostando por este tipo de iniciativas. Por iso, insiste en que a programación ten que ser continua e non limitarse a un día.

Como consecuencia, as citas previstas para este ano repiten zonas de edicións anteriores. O 21 de abril volverán levar a cabo actividades na Oliva, o 12 de maio presentarase unha nova edición de Rizando o Rizo e o 26 dese mes haberá un Pé de Rúa na rúa Castelao. Xa no 9 de xuño está prevista unha actividade na contorna do Hospital Provincial, o 8 de setembro na rúa Rosalía de Castro e o 22 dese mes en Cruz Gallástegui.