San Cibrán recupera ambiente de romaría para facer fronte ao meigallo

Pontevedra
10 de abril 2023

O día grande da festa na honra de San Cibrán celebrouse este luns 10 de abril con tres misas e a procesión arredor da ermida situada na parroquia pontevedresa de Tomeza. Desde a comisión indican que os anos de pandemia rebaixaron moito a asistencia e que neste 2023 está a recuperarse a presenza de devotos e tamén de mocidade, que mesmo acampou na zona

Centos de persoas participan dos actos de San Cibrán / PontevedraViva

A parroquia pontevedresa de Tomeza volveu vestirse de gala este luns de Pascua, 10 de abril, para celebrar a tradicional romaría de San Cibrán, anunciada con bombas de palenque.

Numerosos devotos achegáronse ata a ermida nesta xornada de temperatura agradable. Durante a mañá oficiábase a misa das 12.00 a cargo de Casimiro Fernández, párroco de Campolongo, que leva tres anos acudindo a estes actos e que, segundo indicaba, está a recuperarse a tradición relixiosa que acompaña a esta festa.

Sheila Pazos, unha das representantes da comisión de festas de San Cibrán, tamén afirma esa melloría respecto a anos anteriores. Asegura que custa retomar a celebración pero que "a xente vai collendo ritmo e estes días de festa volveu subir e a gozar unha festa como era antes. É unha alegría". 

Sinala que é moi complicado organizar un evento destas características: "pasou a pandemia e as cousas subiron unha chea. Os membros da comisión levamos meses pedindo colaboración ás empresas e aos veciños". Incide en que se están recuperando algúns hábitos entre os máis novos e destaca que, durante esta fin de semana, se instalaron varias tendas nas zonas reservadas para acampada nos arredores da ermida.

Ela aposta por recuperar a festa que lembra da súa infancia e así este ano, ademais dos típicos postos de degustación de polbo e de churrasco, da venda de rosquillas e os postos de xogos infantís tamén hai unha pista de coches de choque. 

Outra integrante da comisión atópase á fronte do posto de venda de ramos de herbas milagreiras. Por dous euros, as persoas que queiran espantar ao "meigallo" adquiren un feixe de ruda, romeu, malvarrosa, loureiro e oliveira. "É como un amuleto da sorte", afirma mentres vende tamén velas coa imaxe do santo.

Ao mesmo tempo, as persoas asistentes á romaría cumprían tamén co ritual de dar nove voltas ao redor da capela lanzando pedras sobre o tellado. Desde a comisión advirten de que non é necesario lanzalas dando as costas ao edificio. Unha vez máis, a comisión instalaba un pequeno recipiente con pedras de tamaño reducido. Sheila Pazos afirma que Patrimonio quere evitar danos no tellado e este sistema evita que se lancen pedras grandes.

Tamén o miradoiro neste alto da ermida atópase precintado para evitar accidentes. Desde a comisión de festas indican que se atopa deteriorado e Patrimonio está á espera dunha revisión detallada para analizar a súa reforma.

Alberto Domínguez Munáiz é o párroco de Virxe do Camiño que oficia a misa grande da xornada, acompañado por un coro de mozos. A continuación iníciase a procesión amenizada polos músicos da agrupación Os de Algures. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro Alberto Oubiña, asisten ao acto do mesmo xeito que integrantes do grupo municipal do Partido Popular.

Unha vez finalizada, os devotos pasaron por baixo da imaxe tres veces para despois, xa sen "meigallo", iniciar a romaría con comida e diversión ata que a orquestra Saudade e o grupo Master despidan o día coa verbena nocturna.