San Patricio e a súa "receita de éxito", unir gastronomía, música e deporte, cumpren trece anos en Pontevedra

Pontevedra
11 de marzo 2025
Actualizado: 13 de marzo

O Mareantes subliña a importancia desta festa para o club, ao permitirlles sufragar os custos de competición para os seus equipos, nos que se forman uns douscentos deportistas

Presentación da XIII edición do festival de San Patricio
Presentación da XIII edición do festival de San Patricio / Concello de Pontevedra

Cinco días de celebración ao grande para conmemorar o trece anos que o Mareantes Rugby Club leva impulsando a súa festa de San Patricio.

Así será a nova edición do seu festival galaico irlandés, que se desenvolverá entre os días 12 e 16 de marzo na Praza de España, segundo explicaron a tenente de alcalde en Pontevedra, Eva Vilaverde, e o presidente do club, Roberto Juncal.

Ambos sinalaron que a este evento "cada vez se achega máis xente", debido á "receita de éxito" que logrou coa súa idea de unir deporte, gastronomía e música, co "laciño" do modelo Pontevedra, destacou Vilaverde, ao celebrarse integramente na rúa.

"Estou convencida de que vai a funcionar moi ben e de que virán moitos máis anos por diante", engadiu a representante municipal.

Juncal, pola súa banda, subliñou a importancia que esta festa de San Patricio ten para o seu club, ao supor unha gran parte dos ingresos que lles permiten sufragar os custos de competición para os seus equipos, nos que se forman uns douscentos deportistas.

Na parte gastronómica, segundo o responsable do Mareante Rugby Club, "é impepinable" que se sirva cervexa Guinness "rubia, vermella e negra", á que se sumará a cervexa artesanal que elabora en Pontevedra a compañía Nasa.

Salchichas, hamburguesas ou xamón asado formarán parte tamén do menú dun festival que terá opcións veganas e sen gluten e que, como gran novidade, incluirá un curso de elaboración de cervexa artesá, que se celebrará este xoves 13 de marzo, a partir das sete da tarde.

Na carpa de San Patricio, que abrirá de doce da mañá a doce da noite, haberá tamén concertos, entre eles os de Bela & Charlo (mércores, 21:00 horas), A&M (xoves, 21:00 horas), Sr. Nilsson (venres, 20:00 horas), FunKuba (venres 22:00 horas), Flameco (sábado, 20:00 horas) e Son das Tabernas (sábado 22:00).

O broche de ouro musical porao Sudden Ray of Hope, xa o domingo ás 13:00 horas.

Ademais, ese mesmo domingo, o Mareantes renderá homenaxe aos pioneiros do rugby en Pontevedra, que en 1978 impulsaron o seu primeiro partido contra un equipo de Vigo.

Así, haberá un encontro de veteranos, ás 13:30 horas, no campo de rugby de Monte Porreiro e, a continuación, a confraternización continuará co terceiro tempo e o acto propio de homenaxe na carpa da Praza de España.