San Vicente Paúl recibe 85.000 euros para financiar o seu comedor social en Marín

Marín
29 de setembro 2017

Unha achega económica de 85.408 euros, entregada pola Xunta de Galicia, servirá para garantir a continuidade do servizo que presta a comunidade de San Vicente Paúl o seu comedor social en Marín, que atende a persoas e familias con menos recursos

Comedor social de San Vicente Paúl en Marín
Comedor social de San Vicente Paúl en Marín / Xunta de Galicia

Unha achega económica de 85.408 euros, entregada pola Xunta de Galicia, servirá para garantir a continuidade do servizo que presta a comunidade de San Vicente Paúl co seu comedor social en Marín, que atende a persoas e familias con menos recursos.

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, visitou este venres este comedor social, acompañado do delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
 
Ambos salientaron o traballo ao carón da xente "que máis precisa de axuda" que está levando a cabo desde hai anos esta entidade con presenza en toda España.

Así, Parrado apuntou que o labor social de San Vicente de Paúl "vai máis alá" da rede de comedores sociais como o de Marín, senón que tamén organiza obradoiros de formación e orientación laboral, programas dirixidos ao apoio escolar e diversas iniciativas centradas nos colectivos de maiores, mulleres en situación ou risco de desprotección, inmigrantes, persoas sen fogar ou enfermos hospitalizados.

Ademais, o responsable do departamento autonómico de Inclusión do goberno galego tamén puxo en valor a implicación "totalmente altruísta" das persoas voluntarias que participan e se implican diariamente nas accións desta asociación.

Esta achega económica serve para contribuír a sufragar os gastos derivados do funcionamento do comedor social, así como para a adquisición de diferente mobiliario para o mesmo.