Ata 55.000 ocos habilitou Sanidade para repescar a aquelas persoas que non se vacinaron cando lles correspondía. Así o anunciou o conselleiro, Julio García Comesaña, o día no que se pechou o sistema de citas por SMS.
Os mozos de 12 a 19 anos terán 25.000 reservas dispoñibles, que se inxectarán entre o luns 30 e o martes 31 de agosto, mentres para que os maiores de 20 anos haberá 30.000 autocitas para a vacina, que recibirán o vindeiro venres 3 de setembro.
As citas poderanse solicitar xa desde este mesmo venres ás tres da tarde.
Por SMS xa só serán citadas aquelas persoas que estean pendentes de recibir a segunda dose da vacina para completar a súa pauta de inmunización.
García Comesaña sinalou que as autoridades sanitarias optaron por dar " prioridade" ao grupo de 12 a 19 anos para que o máximo número de mozos poidan contar coa pauta completa ao comezo do curso escolar. Quedan nesta franxa unhas 20.000 persoas sen vacinar.
Galicia inxectou máis de 4 millóns de doses da vacina contra a covid-19, sendo a segunda comunidade española con maior índice de pautas completas administradas.