Sanidade acredita que todas as praias de Vilaboa están libres de fume do tabaco

Vilaboa
23 de xullo 2019

O distintivo foi recibido polo alcalde de Vilaboa de mans do director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez. Nas praias sen fume, recorda Sanidade, non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas

Entrega a Vilaboa do diploma de ouro de la Rede Galega de Praias sen Fume
Entrega a Vilaboa do diploma de ouro de la Rede Galega de Praias sen Fume / Xunta de Galicia

Vilaboa vén de recibir o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, un recoñecemento que acredita que todas as praias do seu municipio están declaradas sen fume de tabaco.

O distintivo foi recibido polo alcalde de Vilaboa, Francisco Castro, de mans do director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez.

Nas praias sen fume, recorda Sanidade, non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas.

Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento. É unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio e polo tanto o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal conseguindo así a participación activa da sociedade.

A rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a  importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son.

O obxectivo é que a mocidade saiba que o normal é non fumar e avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, ao obxecto de converter este entorno en educativo e preventivo. Sanidade quere conseguir que todas as praias galegas formen parte da rede.

Na actualidade, 141 praias de 64 municipios integran a rede galega de areais nos que os usuarios poden elixir desfrutar do seu tempo de ocio lonxe do fume do tabaco.