Sanidade alerta do déficit en Pontevedra de sangue A+ e 0-

Pontevedra
30 de xaneiro 2019

As reservas de sangue non pasan por un bo momento. Preocupa especialmente, segundo Sanidade, o "déficit importante" nos grupos sanguíneos A+ e 0-. A dirección xa se viu obrigada a adaptar a programación cirúrxica no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ante a escaseza destas reservas

O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, doa sangue no Provincial
O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, doa sangue no Provincial / Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

As reservas de sangue na área sanitaria Pontevedra - O Salnés non pasan por un bo momento. Preocupa especialmente, segundo Sanidade, o "déficit importante" nos grupos sanguíneos A+ e 0-. É unha escaseza que tamén se deixa sentir no resto da comunidade galega.

De aí que realicen un chamamento á sociedade pontevedresa, unha alerta que reforzou o xerente da área, José Ramón Gómez; e a directora de Procesos Asistenciais, Sonia Fernández-Arruti, que acudiron ao punto fixo de doazón no Hospital Provincial para realizar a súa achega ás reservas de sangue.

O obxectivo é concienciar á cidadanía de Pontevedra e da comarca do Salnés da importancia da doazón, pois a dirección xa se viu obrigada a adaptar a programación cirúrxica no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ante a escaseza destas reservas.

En Galicia, recorda a axencia de doazóns de órganos e sangue, precísase acadar cada día 500 doazóns para garantir a atención de todas as necesidades médicas.

A poboación interesada en doar sangue poderá facelo no punto fixo instalado no Hospital Provincial, ao carón da entrada de urxencias pediátricas, en horario de 8.00 a 15.00 horas, os luns e os venres; e en horario de 15.00 a 22.00 horas, os martes, mércores e xoves.

Así mesmo, unha das unidades móbiles que percorren Galicia estará dispoñible ao longo da xornada deste xoves no IES Carlos Oroza, fronte á entrada principal do centro, en horario de 9.30 a 14.30. Pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas, irá a Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade. Permanecerá instalada a carón da Casa do Pobo.