Estudar fórmulas que permitan mellorar a asistencia pediátrica nos centros galegos de saúde e, nomeadamente, no de Baltar. É o compromiso que vén de alcanzar a Consellería de Sanidade ante a valedora do pobo, Milagros Otero, a raíz das críticas pola ausencia continuada de pediatras neste centro de saúde de Sanxenxo.
Sanidade atende así a recomendación remitida pola valedora o pasado 8 de xaneiro, consecuencia de queixas chegadas de diferentes puntos de Galicia en demanda da atención continuada de pediatras en atención primaria.
A última delas procedía de usuarios do punto de atención continuada (PAC) de Baltar. Neste caso, á carencia dun pediatra de urxencias sumouse a existencia dunha vacante desta especialidade que permanece sen cubrir.
A valedora cre que o Servizo Galego de Saúde deber garantir aos nenos galegos a atención por un especialista de xeito continuado.
Non se conforma con que a escaseza de especialistas MIR en pediatría impida dar cobertura á poboación infantil; nin con que existan dificultades para que estes profesionais opten pola atención primaria en detrimento da atención hospitalaria; nin con que á hora de se decidir por un centro de saúde, os médicos prefiran os radicados en contornas urbanas.
"A asistencia médica á poboación infantil por un médico de familia non debe constituír unha medida ordinaria", indicou Milagros Otero no seu último escrito remitido á Consellería de Sanidade con motivo da queixa de Baltar.
Neste documento a valedora considerou que a redistribución dos pediatras que planea o Sergas debería permitir que os nenos galegos poidan acudir a un especialista pediátrico de xeito continuado, a fin de que este poida facer un seguimento máis específico das súas condicións de saúde.
A valedora obtivo hoxe mesmo a resposta favorable deste departamento da Xunta que se comprometeu "a buscar mellores condicións para o traballo nos centros de saúde" e dar traslado en Madrid das necesidades reais de profesionais para o Servizo Galego de Saúde de cara a unha mellor distribución de prazas de especialidades médicas.