A través dunha orde publicada no Boletín Oficial do Estado este venres, o Ministerio de Sanidade flexibilizou as medidas de desescalada en municipios de menos de 10.000 habitantes, tal e como se anunciou hai uns días.
A orde rebaixa as restricións nos municipios cunha densidade de poboación inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado que aínda se atopan en fase 0 e fase 1 do plan de desescalada e que poderán acollerse a algunhas medidas previstas para a fase 2.
Así, por exemplo, desde este venres elimínanse as restricións de horarios para os nenos. Non será de aplicación o límite dun adulto responsable e ata tres nenos e poderán saír xuntos todos os que convivan nun mesmo domicilio.
Con respecto ás actividades deportivas, pola súa banda, Sanidade precisa que deben practicarse a unha distancia máxima de cinco quilómetros, incluíndo municipios adxacentes, sempre que se atopen dentro do ámbito de aplicación desta medida. Tamén poderá ser a calquera hora.
Ademais, o Goberno autoriza a retomar certas actividades económicas e sociais nestes municipios para as que, o resto do territorio nacional, deberá esperar á fase 2.
Poderán abrir ao público establecementos de hostalería e restauración para consumo no local, salvo discotecas e bares de lecer nocturno, así como as terrazas ao aire libre. Iso si, neste último caso coas mesmas restricións que ata o de agora.
Tamén se flexibilizan os permisos para mercados ao aire libre, a asistencia a velorios, enterros, lugares de culto e bibliotecas e a apertura de instalacións deportivas.
Para garantir o cumprimento destas medidas, os concellos deberán elaborar e aprobar plans de adecuación dos espazos públicos.
Poderán así ampliar zonas peonís, recuperar e adaptar zonas verdes e outros espazos libres, definir viarios para bicicletas, patinetes ou viandantes, regular as áreas de baño público en praias, ríos ou lagos cando estea permitido ou empregar mobiliario semipermanente que permita unha distribución horaria do espazo público.
Igualmente, poderán adoptar medidas restritivas no acceso aos espazos naturais da súa competencia cando consideren que existe risco de formación de aglomeracións.
Ditas medidas incluirán, entre outras, o control do aforo dos aparcamentos e das sendas de acceso, así como o reforzamento da vixilancia en materia de protección do medio natural.