Sanidade limita a dez persoas as xuntanzas sociais en toda Galicia

Pontevedra
14 de outubro 2020

Os expertos xustifican esta restrición no feito de que se rexistrou un notable aumento dos contaxios nas reunións sociais e familiares. Esta medida publicouse este mércores no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor a partir das 00.00 horas do xoves

Xente paseando con máscaras por Pontevedra
Xente paseando con máscaras por Pontevedra / Mónica Patxot

A partir de mañá xoves, as reunións sociais en toda Galicia estarán limitadas a un máximo de dez persoas. Esta restrición afecta tanto os encontros en lugares públicos como en espazos privados, é dicir, nos propios domicilios.

Esta foi unha das principais decisións que adoptou onte á noite o comité clínico que fai seguimento da evolución da pandemia da covid-19 en Galicia.

Os expertos xustifican esta restrición no feito de que se rexistrou un notable aumento dos contaxios nas reunións sociais e familiares.

Esta medida publicouse este mércores no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor a partir das 00.00 horas do xoves.

Con respecto aos municipios de especial restrición, Sanidade mantén por agora as limitacións en oito concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo, Vilagarcía, Vilanova, Cambados e Meis.