Sanidade sinala que non detectaron "criterios de gravidade" na muller que morreu en Baltar tras negarlle unha ambulancia

Sanxenxo
18 de agosto 2022

O médico do 061 que atendeu o marido da falecida por teléfono determinou a "ausencia de criterios de gravidade". Fontes oficiais confirman que tomou esta decisión "apoiada en protocolos e guías de actuación para a coordinación sanitaria". A chamada durou 4 minutos e 33 segundos e o propio marido levou a paciente no seu coche ao PAC 

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 / Mónica Patxot

A Consellería de Sanidade respondeu este xoves á denuncia formulada polo marido dunha paciente que faleceu o pasado 6 de agosto no punto de atención continuada (PAC) de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo), despois de que el mesmo tivese que trasladala no seu vehículo particular ao centro de saúde porque non foi posible o seu traslado en ambulancia. 

Fontes oficiais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés explicaron que o médico do 061 que atendeu este home por teléfono determinou a "ausencia de criterios de gravidade" na paciente, que faleceu pouco despois. 

Desde Sanidade explican que o persoal sanitario da central de coordinación do 061 tomou esta decisión "apoiada en protocolos e guías de actuación para a coordinación sanitaria".

PontevedraViva intentou este mércores, antes de publicar esta noticia, recoller a versión da Consellería de Sanidade e do 061, pero sen éxito. Este xoves, ante a polémica suscitada, e unha vez que varios medios de comunicación se fixeron eco da noticia deste xornal, desde a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés si que se facilitou esta reacción.

O marido da falecida, M.A., formalizou unha denuncia no cuartel da Garda Civil do Grove na que relatou que a súa esposa empezou a atoparse mal sobre as 14.00 horas dese día 6 de agosto. Empezou a vomitar e non era capaz de camiñar. A medida que pasaron as horas, empezou a notar insensibilidade nas pernas e o malestar non remitiu, de modo que decidiu chamar ao 061 para requirir asistencia sanitaria. 

O home denunciou que chamou ao 061 pasadas ás 21.07 horas. A chamada durou, segundo puido confirmar PontevedraViva, catro minutos e 33 segundos e dixéronlle que non tiñan unha ambulancia dispoñible para ela. Segundo fontes consultadas por PontevedraViva, dixéronlle que se a muller non tiña febre, non era posible esa atención dunha ambulancia.  Finalmente, o marido trasladouna no seu vehículo particular ao PAC de Baltar, deixouna no servizo de urxencias e foise a estacionar o seu vehículo. Cando regresou ao centro de saúde, a súa muller falecera "por causas descoñecidas".

As mesmas fontes oficiais da área sanitaria contan que o médico do 061 non detectou criterios de gravidade e recomendou o traslado da paciente polos seus medios ao PAC de Baltar para que sexa recoñecida de xeito presencial. Esta versión oficial confirma o relatado polo marido, que accedeu e trasladouna ao centro de saúde

Fontes oficiais da Garda Civil confirmaron que o marido presentou unha denuncia no cuartel do Grove e desde o instituto armado remitiuse ao Xulgado de Garda de Cambados.

O Xulgado de Instrución número 3 de Cambados fíxose cargo das dilixencias e empezou a realizar as primeiras investigacións.