Sanidade suspende a actividade da tapería de Combarro ao atopar "deficiencias estruturais e hixiénico-sanitarias"

Poio
13 de agosto 2025
Actualizado: 14:55

O Concello de Poio xa se puxera en contacto previamente co departamento de Sanidade ante a preocupación de que o local puidera representar un risco para a saúde pública

Precinto dun negocio de hostalería en Combarro Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes deu conta de algunhas novidades sobre a situación da tapería A Terraza Chill Out, en Combarro, precintada polo Concello por carecer de licenza de actividade e existir incumprimentos urbanísticos.

Segundo informou, antes de proceder ao precinto e peche do establecemento, notificouse á propietaria a data e hora na que se ía executar a medida.

A notificación realizouse o martes, día 5 de agosto, e o precinto levouse a cabo o venres, día 8 de agosto, ás 11:00 horas.

Moldes sinalou que o establecemento foi precintado por carecer de licencia de actividade, por diversos incumprimentos urbanísticos, e por acumular numerosas denuncias relacionadas con molestias ao vecindario e apropiación de espazo público.

Ademais destas razóns, o alcalde engadiu que a actividade foi suspendida tamén por Sanidade tras unha inspección realizada esta fin de semana, "na que se detectaron deficiencias estruturais e hixiénico-sanitarias".

O Concello de Poio xa se puxera en contacto previamente co departamento de Sanidade ante a preocupación de que o local puidera representar un risco para a saúde pública.

A inspección realizada confirmou estas sospeitas, motivando a suspensión cautelar da actividade por parte das autoridades sanitarias.

Por último, o alcalde destaca que o Concello de Poio está facendo todo o que está da súa man para que este local cumpra coa legalidade. Hai un procedemento xudicial aberto que é o que vai determinar os prazos.