O Concello de Poio procedeu ao precinto da tapería A Terraza Chill Out, situada na Rúa 3 de Combarro, debido á falta de licenza de actividade, diversas infraccións urbanísticas e un extenso historial de denuncias relacionadas con molestias veciñais e ocupación indebida do espazo público.
Este establecemento foi obxecto de múltiples queixas ao longo dos anos, con denuncias rexistradas en 2015, 2017, 2019, 2022 e 2024. Os principais motivos destas reclamacións inclúen ruídos, cheiros, fumes, uso indebido de zonas públicas e a inexistencia da autorización necesaria para operar como local de hostalería.
En febreiro de 2024, tras recompilar numerosas denuncias tanto de veciños como da Policía Local e a Garda Civil, o Concello abriu un expediente administrativo. Nel concedeuse un prazo de quince días á responsable do local para regularizar a situación. Con todo, ao constatar que as irregularidades persistían e que a actividade non cesaba, decidiuse executar o peche do negocio.
O precinto foi levado a cabo este pasado venres pola Policía Local e incluíu tanto o interior do establecemento como os elementos utilizados no exterior para a prestación do servizo.

CAMPAÑA INFORMATIVA
Coincidindo con esta actuación, o Concello puxo en marcha unha campaña informativa dirixida aos negocios de hostalería do centro histórico de Combarro. O seu obxectivo é lembrar a obrigatoriedade de cumprir coa normativa vixente en canto á ocupación da vía pública, que establece límites específicos sobre o número de mesas e cadeiras permitidas.
Así mesmo, insístese na necesidade de manter a limpeza da contorna tras o peche da xornada. Os locais deben deixar o chan libre de residuos, graxas, aceites ou outras substancias que poidan danar a pedra das rúas ou causar malos cheiros. Tamén se prohibe deixar bolsas de lixo na vía pública, esixindo que se depositen nos contedores habilitados e que se atopen en bo estado, sen fugas de líquidos.
Desde o Concello recalcan que estas normas buscan garantir unha convivencia adecuada entre a actividade turística e a vida diaria da veciñanza. A falta de hixiene e orde non só prexudica aos residentes, senón que tamén deteriora a imaxe de Combarro como destino turístico.
O consistorio advirte que o incumprimento destas normas pode conlevar sancións, o peche temporal ou definitivo do establecemento e outras medidas administrativas que se consideren necesarias.