Condena firme á violencia en Gaza do párroco Jorge Gómez como pregoeiro en San Salvador

Poio
06 de agosto 2025

O crego Jorge Gómez Gude inaugura as Festas do Divino Salvador de Poio cun emotivo pregón que combina humor, crítica social e chamamentos á inclusión, ademais de reivindicar as comunidades de festas

O párroco Jorge Juan Gómez durante o pregón
O párroco Jorge Juan Gómez durante o pregón / Concello de Poio

As Festas do Divino Salvador de Poio comezaron onte cun pregón que deixou pegada. O encargado de abrir as celebracións foi Jorge Juan Gómez Gude, párroco da localidade desde 2024 e catedrático emérito de Psicoloxía da Educación da Universidade de Vigo, quen sorprendeu cunha intervención que mesturou humor, emoción e reivindicación social.

"As comisións de festas de Galicia deberían ser declaradas Patrimonio da Humanidade", afirmou "Don Jorge", quen destacou o "impresionante" labor destes colectivos e instou a promover o seu recoñecemento pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial.

O sacerdote expresou ademais a súa sorpresa por que o Día de San Salvador non sexa festivo local, tendo en conta a historia e o peso demográfico da parroquia, a máis poboada do concello.

Natural de Marín. ou como el mesmo se definiu na intervención, "produto de proximidade, en termos de Nouvelle Cuisine", o pregoeiro repasou momentos significativos da súa longa traxectoria vital, educativa e pastoral, que o levou a ser párroco de San Xulián de Marín durante 40 anos, ademais de ter experiencias en Madrid e en países como Alemaña, Italia, Francia, Irlanda e Estados Unidos.

Non faltaron as palabras de lembranza para o seu predecesor, Vicente Cerdeiriña, párroco durante 47 anos falecido en 2024, "cuxo recordo segue e seguirá vivo entre nós", así como para Don Félix, anterior responsable da parroquia.

O discurso adquiriu tintes reivindicativos cando "Don Jorge" pediu ás administracións seguir poñendo en valor "o conxunto monumental da igrexa antiga, o adro vello e o cemiterio parroquial", destacando as súas orixes milenarias e que "garda a memoria de Cristovo Colón e os seus".

Tamén louvou o espírito laborioso das xentes de San Salvador: mariñeiros, mariscadoras e mulleres emprendedoras, "xente xenerosa pero tamén brava cando hai que defender o seu e aos seus".

Nun xesto inclusivo, o párroco convidou os novos veciños e "urbanitas" a integrarse na vida da comunidade, subliñando que a festa é un espazo de encontro onde "non caben a discriminación e a violencia contra o pobre ou o marxinado".

Afirmou con contundencia que "a feligresía nunca se sumará á intransixencia dalgunhas minorías contra o colectivo LGTBIQ+" e fixo un chamamento explícito a incluír na festa aos inmigrantes "que colaboran ao noso progreso co seu esforzo honesto".

Ademais, o párroco sorprendeu os presentes cunha condena firme á violencia en Gaza: "Pedimos a Deus que ese pobo mártir poida vivir en paz na súa terra, onde viven hai milenios, e celebrar en paz e alegría as súas festas, como nós celebramos as nosas".

Tras o pregón, que concluíu cun "Felices Festas! Viva San Salvador!", actuou a Banda de Gaitas Vides Novas e, xa pola noite, o grupo Alianza foi o encargado de animar a primeira das verbenas.

As festividades continuarán ata o venres cunha programación que inclúe a tradicional misa solemne e procesión, actuacións de corais e orquestras como La Oca band, Azabache e Los Satélites, e unha festa infantil con inchables, touro mecánico e festa da escuma para pechar as celebracións.