Poio mergúllase nunhas Festas de San Xoán que son "encontro, símbolo e orgullo dun pobo"

Poio
22 de xuño 2025
Actualizado: 23 de xuño

A Praza do Mosteiro de Poio acolleu este domingo o arranque oficial das festas partonales. Por diante seis días de festa cunha ampla programación para toda a familia

Arranque das Festas de San Xoán en Poio
Arranque das Festas de San Xoán en Poio / Cristina Saiz

As Festas de San Xoán xa se viven en todo o seu esplendor en Poio, con seis días de celebración por diante e unha intensa programación para todos os públicos.

A Praza do Mosteiro acolleu este domingo o arranque das festas patronais, unhas festas que "vai máis alá da celebración", asegura o alcalde, Ángel Moldes, xa que son "encontro, símbolo e orgullo dun pobo".

"Temos por diante unha edición do San Xoán máis noso, unha festa construída desde dentro, feita pola xente de aquí e coa nosa esencia, mantendo viva a nosa tradición, cultura e identidade", destacou.

O pregón do San Xóan, a cargo de Pilar Martínez, a entrega dos Premios San Xoán-Pepe Otero ao Deporte e a verbena coa música do Grupo Azabache marcaron as primeiras horas festivas.

Veciña do Sartal, Pilar Martínez lembrou o San Xoán da súa infancia, e finalizou a súa intervención compartindo versos escritos por familiares emigrados en Arxentina a principios do século XX, cheos de morriña e amor pola terra.

ENTREGA DE PREMIOS

A xornada comezou coa actuación do grupo Máis Cantos, e coa entrega dos premios aos gañadores do concurso de casteles de San Xoán: aula Infantil B do CEIP de Viñas (Coraima, Elías, Farouk e Manuel), Elia Millán, Alba Contra, Ana Mila Schulte e Emilia Hannah Beck.

Despois chegou a quenda dos Premios ao Deporte, que este ano recoñeceron nas súas categorías principais o futbolista Javi Rodríguez, a piragüista de kaiak-polo Lorena Nieto e o Poio Bike Club.

A xornada concluíu coa música en directo do Grupo Azabache e unha degustación da raia e viño.

UNHA PROGRAMACIÓN PARA TODOS OS PÚBLICOS

Até o vindeiro venres 27 mesturásense propostas lúdicas, culturais e diversas propostas con actos litúrxicos, ademais das actuacións de orquestras como París de Noia, Os Satélites, La Ocaband, Capitol, Marbella, Ritmo Joven e Miramar.

Para este luns día 23, está prevista unha saída para recoller as tradicionais 'herbas de San Xoán' (ás 18.00 horas desde o Local Social do Sartal), e pola noite terá lugar a popular sardiñada da Seca á que seguirá un espectáculo de lume e o aceso da fogueira municipal, xunto a unha verbena coa orquestra local Ritmo Joven.