Santa Ana e Vilarchán, dobre cita coas festas populares en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
25 de xullo 2014

Os veciños de Santa Ana e Vilarchán protagonizarán as citas festivas desta fin de semana en Ponte Caldelas

Concerto da Banda de Música de Mondariz nas festas de Ponte Caldelas
Concerto da Banda de Música de Mondariz nas festas de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Os veciños de Santa Ana e Vilarchán protagonizarán as citas festivas desta fin de semana en Ponte Caldelas.

O 26 de xullo, día de Santa Ana, a xornada amencerá cun pasarrúas a cargo do grupo de pandereteiras As Xeitosiñas que poñerán a nota musical ata as 13 horas en que terá lugar a tradicional Misa Solemne ao aire libre, nas inmediacións da capela, que contará coa participación da agrupación coral Valdarrosa de ponte Caldelas. Tras a misa desenvolverase a procesión acompañada polo grupo de pandereteiras As Xeitosiñas.

O fin de festas estará protagonizado por unha gran verbena amenizada polas orquestras Triunfo e a mediática Panorama que poñerán o broche final a esta celebración dos veciños de Santa Ana.

Esta fin de semana tamén estarán de festa os veciños de Vilarchán que comezarán as súas celebracións en honor á Virxe dos Remedios o sábado 26 de xullo cun pasarrúas matinal a cargo do grupo de gaitas Aires de Ponte Caldelas. A xornada do sábado pecharase cunha gran verbena amenizada polas orquestras Marbella e Televisión.

A xornada do domingo 27 de xullo comezará cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Unión Musical de Tenorio para logo dar paso ás celebracións relixiosas que comezarán con misas a partir das 11 horas. A Misa Solemne será ás 13:15 horas seguida de procesión acompañada pola Banda de Música Unión Musical de Tenorio. Ao rematar terá lugar un concerto da citada banda.

Pola tarde, ás 19:30 horas, terá lugar unha Misa Campestre no recinto da festa en honor á Virxe dos Remedios. A continuación celebrarase un espectáculo de baile a cargo do grupo Aires do Norte e Olé e un concerto da Banda de Música Unión Musical de Mullereiro. A xornada rematará cunha verbena protagonizada polas orquestras Chicas Show e Magos de España.

O luns 28 de xullo tomará o relevo matinal o grupo de gaitas Alboradas que serán os encargados de realizar o pasarrúas. Ás 12 horas terá lugar a Misa Solemne en honor á Virxe dos Dolores e ao seu remate haberá unha sesión vermú a cargo do citado grupo de música rexional. Pola noite terá lugar un gran fin de festa coa actuación das orquestras Xerusalén e Xacobeo.