Santa Clara acollerá a gala de entrega dos Premios Mil Primaveras

Pontevedra
06 de xuño 2022

O acto, conducido pola narradora María da Pontragha, vai celebrarse na Igrexa do Convento de Santa Clara o vindeiro sábado 11 de xuño a partir das 11.30 horas. Estes premios, convocados pola Coordinadora de Persoal de Normalización da Lingua, recoñecen o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística

Exposición musical 'Cantámola en galego'
Exposición musical 'Cantámola en galego' / Mónica Patxot

A igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra será o escenario en que se entreguen os III Premios Mil Primaveras nun acto que se vai desenvolver o vindeiro sábado 11 de xuño a partir das 11.30 horas. Este evento é público coa posibilidade de acceder libremente ata que se complete a capacidade do recinto.

A narradora María de Pontragha será a encargada de presentar a gala na que se premiará á campaña CantáMOLA en galego, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra como novo proxecto. Tamén se entregarán os premios a Do berce á rúa, do SNL do Concello de Narón; ás iniciativas Twitter en galego e Instagram en galego; ao proxecto Somos xogo, de Xandobela; tamén ao proxecto Diccionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo; e á iniciativa Media Laranxa, como proxecto dun ámbito sectorial.

Estes galardóns carecen de dotación económica e, organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en 2019, recoñecen o traballo ben realizado no ámbito da normalización lingüística, ademais de promover a transmisión dunha imaxe positiva da lingua e difundir o traballo que se realiza a favor do galego.

O acto conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación Provincial.