Santa Clara deixa de ser un misterio para 2.400 persoas nunha fin de semana

Pontevedra
05 de decembro 2022

O convento abriu sete horas o sábado e outras tantas o domingo e recibiu, respectivamente, 1.000 e 1.400 visitantes. É o balance facilitado polo Concello tras as dúas xornadas de portas abertas e visitas guiadas organizadas coincidindo co primeiro aniversario da súa adquisición

Visitas guiadas a Santa Clara
Visitas guiadas a Santa Clara / Cristina Saiz

O convento de Santa Clara recibiu durante a fin de semana preto de 2.400 visitantes con motivo das dúas xornadas de portas abertas e visitas guiadas organizadas polo Concello de Pontevedra coincidindo co primeiro aniversario da súa adquisición.

A propiedade abriu sete horas o sábado e outras tantas o domingo e recibiu, respectivamente, 1.000 e 1.400 visitantes, segundo o balance facilitado polo Concello a última hora deste domingo. 

Son novos cidadáns para os que Santa Clara perdeu parte do misterio que tivo durante séculos de clausura. Ademais, durante as visitas, expertos e profesionais divulgaron e puxeron en contexto os achados que foron aparecendo nos últimos meses e que se están incorporando á historia da cidade, como unha cápsula do tempo con ducias de historias que está a se abrir.

A igrexa converteuse durante a fin de semana o "centro de recepción de visitantes". Aí os visitantes viron un vídeo duns tres minutos sobre os labores de escavación e os datos históricos dos que agora se dispoñen sobre Santa Clara. A partir de aí, comezou un percorrido polos traballos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles e por todas as estancias visitables do inmoble e os xardíns, todo con explicacións de especialistas. 

O interese cidadá nestas visitas demostra, en palabras do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores Lores, que a súa adquisición  por parte do Concello é "unha enorme ilusión compartida por todos os pontevedreses e pontevedresas".