Santa Kata volve encher o campus de miles de mozos

Pontevedra
29 de abril 2016

Un ano máis, volveu consolidarse como a 'festa grande' dos universitarios pontevedreses. "Problemas burocráticos" de última hora obrigaron a cancelar as actuacións musicais programadas ao longo da tarde no campus, pero a festa estivo amenizada por varios DJs. Xa pola noite, a festa trasladouse ao locais do centro e entre as 4.00 e as 7.00 horas houbo unha afterparty na Sala Jackson

Festa de Santa Kata 2016 no campus de Pontevedra
Festa de Santa Kata 2016 no campus de Pontevedra / Mónica Patxot

A festa de Santa Kata, patroa da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, volveu a reunir a miles de mozos no campus da Xunqueira durante toda a tarde deste xoves e polas rúas do centro de Pontevedra ata altas horas da madrugada deste venres. Un ano máis, volveu a consolidarse como a 'festa grande' dos universitarios pontevedreses en canto a afluencia de público. 

Estudantes e mozos de toda condición desprazáronse ata o campus para participar nas activides organizadas nos arredores da facultade, entre as que destacou un torneo de 'beer pong' feito por Beer-Pong Tournament

"Problemas burocráticos" de última hora obrigaron aos organizadores a cancelar as actuacións musicais que tiñan programadas ao longo da tarde no campus, pero a festa estivo amenizada por varios DJs. Ademais, xa pola noite, a festa trasladouse ao locais do centro da cidade e entre as 4.00 e as 7.00 horas houbo unha afterparty na Sala Jackson.

A festa repetiu imaxes xa habituais de anos anteriores, entre elas as de grupos de mozos facendo botellón en varios recunchos do campus, pero tamén houbo novidades como un photocall e non faltou o mercandising, que este ano consistiu nunha bolsa de tea deseñada por Andrea Ramil. 

Ao longo de toda a tarde e a noite deste xoves, os arredores do campus e os accesos ao mesmo contaron cunha presenza policial maior da habitual, con patrullas das policías Local e Nacional que reforzaron os seus operativos de seguridade para evitar situacións como as de anos anteriores, con incidentes no campus, e para vixiar o consumo de alcol ao volante entre os asistentes á festa.