Santa María de Xeve estrea o seu novo roteiro que pon en valor os elementos patrimoniais e históricos da parroquia

Pontevedra
04 de marzo 2023

O novo roteiro é circular posúe unha dificultade baixa á hora de camiñalo e xa ten instalados os diversos elementos de sinalización en forma de paneis informativos que dan conta dos elementos patrimoniais que teñan ao seu carón. Tamén hai postes que indican a dirección do percorrido

Novo roteiro por Santa María de Xeve
Novo roteiro por Santa María de Xeve / Concello de Pontevedra

Este sábado a parroquia de Santa María de Xeve estreou o seu novo roteiro circular de case 6 quilómetros que pon en valor algúns dos elementos patrimoniais e históricos cos que conta a súa veciñanza.

O novo roteiro é circular posúe unha dificultade baixa á hora de camiñalo e xa ten instalados os diversos elementos de sinalización en forma de paneis informativos que dan conta dos elementos patrimoniais que teñan ao seu carón. Tamén hai postes que indican a dirección do percorrido. 

O trazado parte da igrexa de Santa María, pasa pola Torre Vella, o pazo de Gondar, o cárcere de Gondar, o miradoiro da Pedreira, A Forca, a Casa da Audiencia, as pedras do Becerral, o Outeiro do Castro, o miradoiro do Outeiro Vello, o cruceiro do Regueiro, o muíño vello, a casa dos Monteagudos, a casa da Sancristana, a casa antiga do Concello e remata no punto de inicio.

O Concello promoveu este sábado, a modo de inauguración, un roteiro guiado da man do arqueólogo Alberte Reboreda, onde explicou polo miúdo os diferentes elementos patrimoniais que están sinalizados e que dan forma a este roteiro.