Santa María estrea a renovada imaxe de San Martiño e a nova baixada cara o Parador

Pontevedra
20 de febreiro 2020

O ámbito urbano de Santa María e, máis concretamente, a parte traseira do Campiño xa está renovado. En apenas uns días rematará a reforma urbana da rúa San Martiño e o último tramo do Eirado de Alvar Páez que, xunto coa nova baixada cara o Parador pola Enfesta de San Telmo, veñen de estrear o seu novo aspecto

Obras na rúa San Martiño
Obras na rúa San Martiño / Cristina Saiz

O ámbito urbano de Santa María e, máis concretamente, a parte traseira do Campiño xa está completamente renovado. En apenas uns días rematará a reforma urbana da rúa San Martiño e o último tramo do Eirado de Alvar Páez que, xunto coa nova baixada cara o Parador pola Enfesta de San Telmo, veñen de estrear o seu novo aspecto.

A reforma de San Martiño, que supuxo un investimento de 138.303 euros, incluíu a renovación de todo o pavimento, nova iluminación e a colocación dos servizos soterrados, entre eles a separativa de pluviais e fecais ou as novas redes de gas e cable.

A obra, que foi financiada con cargo á área de rehabilitación integral (ARI) do centro histórico, segue a estética doutras actuacións na zona.

Así, no Eirado de Albar Páez colocouse chapacuña nos laterais da rúa e a pedra habitual da zona vella no espazo central, a mesma que tamén se colocou en San Martiño.

Estas actuacións completáronse cunha pequena intervención na Enfesta de San Telmo para garantir a accesibilidade nunha vivenda, que supuxo o arranxo de todas as escaleiras e a colocación de ramplas para persoas con mobilidade reducida.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou este xoves o desenvolvemento dos últimos traballos que estarán rematados nuns días e saudou a algúns veciños do lugar que se achegaron ata a visita.