Sanxenxo abona o primeiro pago de 1,3 millóns de euros á Familia Rocafort

Sanxenxo
07 de decembro 2020

En cumprimento dunha sentenza do contencioso administrativo de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo abonou este luns 1.368.215 euros en concepto do primeiro prazo dos catro que establece a resolución xudicial para pagar os 3.010.872 euros

Rúa das Cunchas
Rúa das Cunchas

En cumprimento dunha sentenza do contencioso administrativo de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo abonou este luns 1.368.215 euros en concepto do primeiro prazo dos catro que establece a resolución xudicial para pagar os 3.010.872 euros. Unha cantidade que corresponde coa primeira valoración que fixo o Xurado de Expropiación de Galicia da zona verde (1.750 metros cadrados), por tanto, sen incluír o vial da rúa das Cunchas.

Os outros 3 prazos son: en 2021 abonaranse 752.718 euros máis 47.947 euros de intereses, en 2022 abonaranse 752.718 euros máis 36.687 euros de intereses e en 2023 abonaranse 752.718 euros máis 14.105 euros de intereses.

Doutra banda, sobre a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que valora en 9,9 millóns de euros a zona verde e o vial da rúa das Cunchas o Concello segue adiante na súa estratexia de defender os intereses dos veciños ata a última instancia.

Neste sentido vai presentar un recurso de casación diante do Tribunal Supremo, pois o Goberno Local asegura que "non compartimos a valoración da recente sentenza do TSXG".

Os 9,9 millóns de euros nos que o perito valora os 2.964 metros cadrados (1.750 metros cadrados da zona verde + 1.214 metros cadrados do vial) "non só supera amplamente a valoración do Xurado de Expropiación de Galicia de 4,2 millóns de euros, supera mesmo o valor de mercado nos momentos de maior cotización do solo", sostén o Goberno do alcalde Telmo Martín.

A apertura do vial de As Cunchas realizouse en 1976 e permitiu que a familia Rocafort construíse ata 10 edificios. Para o goberno resulta "moi difícil de entender que alguén que considera que un chan urbano é da súa propiedade tarde máis de corenta anos en reclamalo".