Sanxenxo abre o prazo de matrícula para a escola de música municipal

Sanxenxo
14 de setembro 2021

As persoas que reservaron a súa praza no mes de xuño deben efectuar agora a súa inscrición, mentres que aqueles que non realizaron reserva só poderán anotarse se quedan prazas sen cubrir

Casa do Concello de Sanxenxo
Casa do Concello de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A escola de música municipal de Sanxenxo abre este mércores e ata o 24 de setembro o prazo de matrícula para o curso 2021-2022. As persoas que fixesen a reserva de praza no mes de xuño deberán agora confirmar a matrícula e poderán coñecer o horario das materias grupais poñéndose en contacto co persoal do Pazo de Emilia Pardo Bazán.

Por outra banda, aquelas persoas que non realizaron a reserva de praza no mes de xuño poderán facela neste prazo, habilitado para a matrícula, sempre que haxa prazas vacantes. Neste caso, será a dirección da Escola de Música Municipal a que se poñerá en contacto coas familias.

Este prazo tamén se habilita para as persoas adultas que desexen matricularse. Tanto a matrícula como a reserva de praza poderán entregarse presencialmente no Pazo de Emilia Pardo Bazán de 8.30 a 14.30 horas ou no correo electrónico [email protected].

Os impresos de matriculación, así como o plan de estudos e o protocolo  covid poderán descargarse ou consultarse na web municipal.