Sanxenxo arranxará o Camiño da Fontiña durante os dos próximos meses

Sanxenxo
27 de marzo 2022

O proxecto está valorado en case 72.000 euros e conta cun prazo de execución de dous meses

Camiño da Fontiña
Camiño da Fontiña / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo xa conta cun proxecto de humanización do Camiño da Fontiña co que se completará a posta en valor do núcleo do Outeiro, en Bordóns. 

O goberno local asegura que seguirá potenciando a conservación dunha zona de núcleo rural dun alto valor patrimonial e cultural para o municipio con esta nova actuación.

O proxecto contempla a eliminación previa do pavimento do Camiño da Fontiña e dun pequeno ramal na marxe esquerda que se atopa en moi mal estado para substituílo por un acabado igual ao resto do núcleo rural. 

Os traballos inclúen a mellora da rede de pluviais e as canalizacións necesarias de rede eléctrica e telecomunicacións.

A pavimentación executarase cunha zona central de paso no camiño de 2,20 metros de ancho a base de lastra prefabricada de formigón mentres que no pequeno ramal está previsto a pavimentación con formigón coloreado.

A obra contempla tamén unha mellora na iluminación coa instalación de 3 luminarias LED que realzará a beleza da contorna no que se atopa a Praza de Manuel Cortés e a contorna da igrexa.

A actuación que abarca preto de 700 metros cadrados está valorada en case 72.000 euros e conta cun prazo de execución de dous meses.