Sanxenxo avanza na remodelación da Casa Priorado de Arra e licita a súa terceira fase

Sanxenxo
21 de xullo 2019

Unha partida de 170.400 euros, que sairá do Plan Concellos da Deputación, permitirá ao Concello de Sanxenxo acometer a terceira fase das obras de remodelación da Casa Priorado de Arra. Estes traballos serán executados pola empresa Abal S.A.

Casa Priorado de Arra Concello de Sanxenxo

Unha partida de 170.400 euros, que sairá do Plan Concellos da Deputación, permitirá ao Concello de Sanxenxo acometer a terceira fase das obras de remodelación da Casa Priorado de Arra. Estes traballos serán executados pola empresa Abal S.A.

Tras a reforma integral exterior, esta nova fase das obras centrarase no interior do inmoble

A Casa Priorado ten dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todos os espazos da planta baixa. Nesta planta vaise acondicionar un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre. 

Na primeira planta, pola súa banda, habilitarase unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 metros cadrados.

Algunhas das actuacións contempladas no proxecto son o revestimento de chans, paredes e teitos, a instalación de auga fría e quente, a colocación dunha rede de saneamento, a instalación dun sistema de ventilación e calefacción ou a mellora da rede eléctrica ou de iluminación.

Con esta nova actuación no Priorado de Arra, o Concello logrará convertelo nun centro sociocultural para uso e goce de todos os veciños. En total, nas tres fases de reforma investíronse case 400.000 euros. 

A Casa Priorado de Arra é unha edificación de carácter tradicional, actualmente sen uso, que no seu momento foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira.

Nos últimos meses levouse a cabo unha actuación importante, que consistiu na restauración da cuberta e os muros perimetrais, na que se investiron 190.000 euros. Ademais, instaláronse xanelas e portas cun orzamento aproximado de 24.000 euros.