Sanxenxo busca empresas que se sumen ao Sistema Integral de Calidade Turística

Pontevedra
09 de abril 2015

A concelleira de Turismo presidirá o martes 21 de abril unha xornada informativa para aquelas sinaturas que desexen incorporarse ao SICTED de Turespaña

Porto deportivo de Sanxenxo
Porto deportivo de Sanxenxo / Juan Mejuto

A concelleira de Turismo, Almudena Aguín, presidirá o martes 21 de abril a xornada de sensibilización convocada polo departamento que dirixe co fin de informar a todas as empresas que mostren interese en adherirse ao Plan de Calidade de Sanxenxo acerca dos requisitos de obtención do distintivo asociado ao Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).

O encontro será a partir das 11.00 horas na Sala Nauta e está previsto que dende a administración local se faga un chamamento para incrementar o número de entidades que participen neste programa nacional.

97 firmas locais ostentan este distintivo que converte a Sanxenxo no municipio con máis selos de calidade de Galicia. Entre elas encóntrase a empresa mixta Turismo de Sanxenxo, a Oficina de Turismo, o Porto Deportivo Juan Carlos I e o Servizo Local de Emerxencias, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), así como as praias de Silgar Canelas e Baltar, ademais de numerosos establecementos turísticos.

Na presente edición Sanxenxo conseguiu outros 6 recoñecementos e 65 renovacións. Tras a xornada de sensibilización, o sector da restauración e do comercio recibirá unha visita personalizada e o material de boas prácticas. Ademais formaranse a través de catro cursos e dunha auditoría de avaliación que está prevista no mes de outubro.