A empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo en Sanxenxo, Ascan, comezará a usar nas próximas semanas o punto limpo móbil. Trátase dun colector de superficie de gran tamaño que transporta un camión, bicompartimentado e compactado cunha estrutura anexa destinada a residuos de pequeno volume.
O camión traslada este punto limpo móbil ata o emprazamento que se determine e posteriormente lévao ata o punto limpo fixo para baleiralo. Irá percorrendo as parroquias por días e poderase empregar tamén en lugares de gran afluencia de público para incrementar a recollida selectiva.
O punto limpo móbil dispón dunha función compactadora que triplica a capacidade de recollida.
Con esta incorporación o Concello de Sanxenxo reforzará a recollida selectiva de residuos que carecen dun sistema convencional para refugalos como baterías de teléfonos, tóners, pilas, pequenos electrodomésticos ou algúns envases e residuos sólidos específicos.
O Concello de Sanxenxo xa conta cun punto limpo na parroquia de Padriñán, onde xestionan outros residuos especiais que non teñen sistemas comúns de recollida, pero que son reciclables ou necesitan un transporte especial de forma separada; así como un servizo de recollida de voluminosos que se atende previa comunicación telefónica.