Sanxenxo crea pistas de petanca e chave no parque do Espiñeiro

Sanxenxo
22 de febreiro 2023

En apenas uns días Sanxenxo estreará dúas novas pistas para o xogo de petanca e de chave. Estarán situadas no parque do Espiñeiro, en Portonovo. Operarios da empresa Madeiras Doval iniciaron esta semana a construción deste equipamento

Construción da pista de petanca e chave no parque do Espiñeiro
Construción da pista de petanca e chave no parque do Espiñeiro / Concello de Sanxenxo

En apenas uns días Sanxenxo estreará dúas novas pistas para o xogo de petanca e de chave. Estarán situadas no parque do Espiñeiro, en Portonovo.

Operarios da empresa Madeiras Doval iniciaron esta semana a construción deste equipamento, cuxa dotación se inclúe dentro do contrato de mantemento dos parques infantís do municipio, segundo destaca o Concello.

Estes traballos de mantemento, que trazaron actuacións nos 25 parques infantís e biosaudables municipais, teñen un custo de 119.000 euros. Están pensados para resolver o desgaste provocado polo paso do tempo e o uso inapropiado das instalacións.

Polo momento concluíronse os traballos no parque de Outeiro e retiráronse as pezas dos biosaudables de Areas e O Sear.

Tamén se actuou no parque de Panadeira e iniciáronse os traballos na Salgueira e O Espiñeiro, onde tamén está previsto substituír a pérgola nos próximos días.

En Dorrón mellorarase o parque infantil; en Padriñán, os parques de Miraflores e Punta Vicaño; en Adina, os parques de Baltar, Praza Pública, Espiñeiro, San Roque, Seame I, Seame II e o do campo de festas de Arra; en Noalla, os parques da igrexa de Aios, Soutullo, igrexa de Noalla e A Revolta; en Vilalonga, os parques da praza de abastos, Arnosa, Salgueira e capela de Gondar; e en Nantes mellorarase o parque de Contumil e o da igrexa.

Substitución de pezas de xogos, reparacións de elementos, eliminación de óxido ou renovación de valados e superficies son as necesidades máis recorrentes que presentan os parques do municipio, unha posta a punto que inclúe tamén tarefas de mantemento durante un ano.