Sanxenxo elabora un plan de prevención e seguridade para casos de emerxencia nas praias

Sanxenxo
23 de xullo 2023

O documento recolle plans de actuación nun total de 18 areais e levará ao próximo pleno ordinario, previsto para o 31 de xullo, para a súa aprobación

Socorristas en Sanxenxo
Socorristas en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O próximo pleno ordinario do Concello de Sanxenxo leva entre os puntos para tratar a aprobación do Plan de Seguridade de Praias en caso de emerxencia. Tomando como referencia o Plan Sapraga de carácter autonómico e a catalogación dos areais segundo o seu perigo e afluencia inclúense no documento 18 praias: A Lanzada, A Lapa, Area de Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira. Paxariñas, Pragueira e Silgar.

O plan analiza os riscos en cada unha das praias e tamén os medios dispoñibles necesarios para actuar en caso de emerxencia. Ademais, especifícanse os puntos de evacuación e estímase o tempo que tardarían en chegar ao centro médico ou hospital máis próximo. Ademais, determina a coordinación adecuada de todos os servizos públicos chamados a intervir e dos distintos dispositivos de intervención de situacións de emerxencia, sendo o seu alcance o rescate de bañistas en perigo de ahogamiento, a asistencia sanitaria aos usuarios das praias, a evacuación de feridos e enfermos e previr aos bañistas sobre riscos innecesarios.

Desta forma, este documento contempla a colaboración entre o Concello e outras administracións que teñan competencia no caso de que se produzan emerxencias extraordinarias producidas no mar.

Doutra banda, o texto fixa o sistema de alerta e información á poboación, facéndolles chegar a través de pictogramas os servizos dispoñibles, os riscos, así como calquera información necesaria para o correcto uso da praia por parte dos usuarios. Tamén, o plan establece as normas e instrucións de seguridade nos lugares destinados ao baño e define os protocolos para seguir para o rescate de persoas accidentadas.

O obxectivo con este Plan é seguir mellorando a seguridade nas praias e reducir os riscos que se poidan producir nos areais.