Sanxenxo esixe a Costas a substitución "urxente" da pasarela de madeira de Baltar

Sanxenxo
20 de xuño 2025

O rexedor lembrou que había proxecto, recursos económicos e vontade de substituíla na delegación de Costas de Pontevedra "ata que chegou a Madrid e dixeron que non había cartos"

Telmo Martín amosa os estragos da pasarela de madeira de Baltar
Telmo Martín amosa os estragos da pasarela de madeira de Baltar / Concello de Sanxenxo

A pasarela de madeira de Baltar atópase nun pésimo estado de conservación e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, esixiu a Costas do Estado que fronte a súa deterioración e substitúa toda a estrutura de maneira "urxente".

O goberno municipal, asegurou Martín, "vai substituindo as táboas que rompen", pero a avanzada deterioración da estrutura, que ten 31 anos, "fai que sirva de pouco".

Nunha visita á zona, acompañado dos edís María Deza e Yago Torres, o rexedor lembrou que había proxecto, recursos económicos e vontade de substituíla na delegación de Costas de Pontevedra "ata que chegou a Madrid e dixeron que non había cartos".

Esta resposta, recoñeceu Telmo Martín, "colmou o vaso da nosa paciencia".

Baltar, segundo o alcalde de Sanxenxo, "é unha xoia" do municipio, ao ser a única praia urbana da ría que conserva as súas dunas.

Ademais, puxo en valor que o municipio "non para de mellorar as súas praias", asumindo moitas veces obras que "tería que facer Costas" como os últimos danos nas praias de Canelas e Areas polos temporais ou o muro de Lavapanos.

En moitos casos, apuntou, o Concello viuse obrigado a actuar ante a inacción de Costas e o risco grave para a seguridade das persoas.

Costas, segundo denunciou Martín, desde 2017 "non investiu nin un euro en Sanxenxo", reclamando un maior apoio dun ministerio, o de Transición Ecolóxica, "que se supón que é o máis interesado en protexer e conservar o noso amplo patrimonio natural".