Sanxenxo, "exemplo de excelencia a seguir" para toda Galicia cos seus oito sendeiros azuis

Sanxenxo
24 de xuño 2025

Telmo Martín destacou que Sanxenxo "é moi coñecido pola costa", pero a intención do goberno local é "poñer en valor a paisaxe de interior con rutas de calidade e de gran beleza"

Izado da bandeira sendeiro azul na Ruta dos Carballos de Aldariz Xunta de Galicia

As oito bandeiras dos sendeitos azuis de Sanxenxo xa locen nas súas respectivas rutas, convertendo ao municipio en líder nacional nestes distintivos e nun "exemplo de excelencia a seguir" para toda Galicia.

Así o destacou este martes a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante o izado da bandeira azul concedida pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), á Ruta dos Carballos de Aldariz.

Esta é unha da 54 rutas galardoadas este ano en Galicia, que suman en total máis de 388 quilómetros que ofrecen aos visitantes unha "forma diferente" de achegarse á natureza e de gozar do seu tempo de lecer ao aire libre "rodeados dunha contorna especial", segundo Vázquez.

Ademais desta ruta, Sanxenxo logrou bandeira azul para a senda fluvial do Río Pintillón, para os sendeiros litorais Areas-Punta Festiñanzo, Canelas-Punta Cabicastro, Montalvo-Major, Paxariñas-Montalvo e Sanxenxo-Portonovo e para o Sendeiro Máxico da Lanzada.

Este concello é ademais líder desde hai varios anos da clasificación nacional de municipios con máis praias con bandeiras azuis (17 en 2025), aos que se suman o seu tres portos deportivos e un centro azul, o Centro de interpretación das Telleiras.

Telmo Martín e Ángeles Vázquez, na Ruta dos Carballos de AldarizConcello de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, destacou que o seu municipio "é moi coñecido pola costa", pero a intención do goberno local é "poñer en valor a paisaxe de interior con rutas de calidade e de gran beleza como esta".

A este respecto, sinalou que "seguiremos traballando para tentar conseguir unha ruta máis con este distintivo cada ano".

O programa Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece cada ano a recuperación e posta en valor de rutas, sendas e itinerarios peonís, tanto costeiros como interiores, co obxectivo de fomentar a conectividad ecolóxica e a restauración ambiental.

Ademais, realízase unha revisión periódica de aspectos como as características das sendas e trazados, o estado da información, sinalización e infraestruturas dispoñibles, a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural e o uso público e goce.

Telmo Martín e Ángeles Vázquez, na Ruta dos Carballos de AldarizConcello de Sanxenxo