Sanxenxo expón o proxecto do novo colexio de Vilalonga

Sanxenxo
31 de maio 2019

O novo colexio de Vilalonga contempla 18 aulas entre educación infantil e primaria. Trátase da modificación do proxecto básico que inclúe as melloras nas que estivo traballando o goberno durante o último ano

Colexio O Revel, Vilalonga
Colexio O Revel, Vilalonga

A web do concello de Sanxenxo expón o proxecto do novo colexio de Vilalonga que contempla 18 aulas entre educación infantil e primaria.

Trátase da modificación do proxecto básico que inclúe as melloras nas que estivo traballando o goberno durante o último ano. Son melloras, por exemplo, como o espazo para a construción dun polideportivo con acceso independente e de uso mixto para os alumnos en horario escolar e tamén para os clubs deportivos polas tardes e fins de semana.

O colexio finalmente terá unha superficie de 4.631 metros cadrados entre as tres plantas e os soportais, que inclúe cada unha delas: soto de 1.310 metros cadrados, planta baixa de 2.274 metros cadrados e primeira planta de 1.038 metros cadrados.

Á superficie construída hai que engadir os 534 metros cadrados que se destinan ao aparcamento exterior incluído dentro do recinto e os 800 metros cadrados que ocupa a pista de fútbol.

A parcela destinada ao colexio ten unha superficie de 11.346 metros cadrados , da cal só se ocupará o 35% (3.943 metros cadrados) entre a instalacións exteriores e interiores do colexio. O 65% restante da parcela manterá o seu estado natural con arboledo autóctono e de ribeira.