Sanxenxo humanizará o núcleo de Aios para reforzar o seu carácter residencial

Sanxenxo
24 de marzo 2026

O núcleo compono un vinte casas con muros de pedra, alpendres, hórreos e un lavadoiro. Ademais, sitúase próximo a lugares de interese turístico e praias como Pragueira e Bascuas

Núcleo rural de Aios
Núcleo rural de Aios / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo anuncia a licitación este martes da actuación de humanización do núcleo rural de Aios.

A obra conta cun investimento de 674.190 euros e está financiada polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e con fondos municipais.

O proxecto busca acougar o tráfico rodado e mellorar a seguridade peonil nesta contorna formada por un vinte casas con muros de pedra, alpendres, hórreos e un lavadoiro, e situado próximo a lugares de interese e praias como Pragueira e Bascuas.

Na actualidade, os viarios presentan anchos desiguais, moitos deles inadecuados para unha circulación en dobre sentido, onde conviven peóns e vehículos.

Ademais, o estacionamento realízase de forma desordenada.

O proxecto abarca un ámbito de actuación de 2.581,40 metros cadrados e contempla a modificación das redes eléctricas e de comunicacións, coa retirada de postes e tendidos aéreos e a súa substitución por instalacións subterráneas axeitadas e eficientes.

Os actuais asfaltos e formigóns substituiranse por pavimentos con pedra, lastro cerámico, lastro granítico, formigón desactivado con áridos brancos e negros e formigón puído en seco con áridos brancos.

A iluminación pública tamén se renovará coa instalación de 20 luminarias sobre fuste e 2 luminarias a nivel do solo xunto ao cruceiro. Alí instalarán dous bancos de madeira.

O obxectivo desta actuación é diferenciar entre a circulación de vehículos e do tránsito peonil.

O ámbito de actuación ten un marcado carácter residencial, con preferencia peonil, aínda que mantendo a necesidade de que os residentes poidan acceder aos seus garaxes en coche.

O proxecto establece un único sentido de circulación e unha velocidade restrinxida a 20 quilómetros por hora,para favorecer a seguridade facer o espazo público de Aios máis amable.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora