Sanxenxo humanizará o Camiño da Fontiña, en Bordóns

Sanxenxo
16 de marzo 2023

A actuación centrarase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón que se atopa en avanzado estado de deterioración e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño

Camiño da Fontiña, en Bordóns
Camiño da Fontiña, en Bordóns / Concello de Sanxenxo

Case 72.000 euros destinará o Concello de Sanxenxo para unha actuación que permitirá a humanización do Camiño da Fontiña, en Bordóns.

A actuación centrarase nun dos accesos ao núcleo rural do Outeiro que actualmente ten un pavimento de formigón que se atopa en avanzado estado de deterioración e nun pequeno ramal existente na marxe esquerda do camiño.

Antes da pavimentación, demolerase o firme actual, que alcanza unha superficie de 565,48 metros cadrados, e mellorarase a rede de pluviais, conectando a esta rede as baixantes existentes das vivendas.

Ademais, colocaranse canlóns con reixas de fundición para eliminar a auga superficial do camiño e instalaranse as canalizacións necesarias das redes eléctrica e de telecomunicacións.

Tras os traballos, deixarase no camiño unha zona central de paso empedrado de 2,20 metros de ancho. Como o vial ten anchos dispares, completarase o pavimento con franxas laterais de formigón co árido visto.

O estreito ramal da marxe esquerda pavimentarase cun formigón coloreado.

Para rematar as actuacións correspondentes a este proxecto, estenderase e compactará a zona de acceso ao camiño con mestura bituminosa en quente, e poñeranse a cota de nova rasante as tapas de rexistro e reixas existentes.

Coa pavimentación do Camiño da Fontiña preténdese mellorar o servizo ofrecido aos seus usuarios, igualando o pavimento co existente na zona e poñendo en valor o núcleo do Outeiro onde xa se actuou de forma similar en 2018.

O prazo de execución é de dous meses e a obra será financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.