Sanxenxo Independentes, unha futura opción política para 2019?

Sanxenxo
06 de outubro 2017

Vanessa Rodríguez Búa dá un paso á fronte. A edil non adscrita busca continuar co proxecto político que iniciou tras darse de baixa de SAL, tras o pacto alcanzado co PP que levantou a Telmo Martín á alcaldía. Farao con Sanxenxo Independentes (SI), unha marca que nace como unha canle de comunicación nas redes sociais

Presentación de Sanxenxo Independentes (SI)
Presentación de Sanxenxo Independentes (SI) /

Vanessa Rodríguez Búa dá un paso á fronte. A edil non adscrita busca continuar co proxecto político que iniciou tras darse de baixa de SAL, tras o pacto alcanzado co PP que levantou a Telmo Martín á alcaldía. Farao con Sanxenxo Independentes (SI), unha marca que nace como unha canle de comunicación nas redes sociais.

Acompañada por María Piñeiro e Miriam Búa, Vanessa Rodríguez explicou que ese é o nome co que xorde nas redes sociais, principalmente Facebook e Twitter, un perfil que busca converterse nunha canle de comunicación permanente entre o seu equipo e os cidadáns "que manteñan viva a esperanza de que outras formas de facer política son posibles".

A edil inicia así un novo ciclo político, no que está acompañada por boa parte dos militantes que cursaron a súa baixa en SAL pero tamén por un importante número de persoas que se foron sumando a un proxecto que irá cobrando forma nos próximos meses.

"Non sabemos onde chegaremos e se nos presentaremos ás próximas eleccións, pero si sabemos como queremos chegar e iremos dando pasos nesa dirección", explicou Rodríguez Búa en rolda de prensa.

Asegura que a pesar da experiencia vivida nestes dous últimos anos, "mantemos intacta nosa ilusión e as nosas ganas de traballar por un futuro mellor para Sanxenxo, porque cremos firmemente nas posibilidades que ten o noso municipio".

"Cremos que a coherencia, a rectitude, a transparencia, a humildade e a lealdade son as que deben rexer as nosas accións", explicou a edil.

Vanessa Rodríguez Búa animou a todos os cidadáns a participar neste novo proxecto, porque destacou que "calquera que queira contribuír a mellorar o noso Sanxenxo pode formar parte desta aventura", tendo a posibilidade real de participar, de opinar e de decidir sobre o futuro de Sanxenxo.