Sanxenxo inicia as obras de remodelación da praza de abastos de Portonovo

Sanxenxo
14 de setembro 2020

Os traballos, valorados en máis de 40.000 euros, durarán dous meses. Mentres tanto o Concello avanza na tramitación do novo proxecto do mercado de abastos de Sanxenxo

Obras nos baños do mercado de abastos de Portonovo
Obras nos baños do mercado de abastos de Portonovo / Concello de Sanxenxo

As obras de remodelación interior e exterior prevista na praza de abastos de Portonovo xa están en marcha. Os traballos inclúen novos aseos adaptados a persoas con mobilidade reducida, un novo revestimento dos postos de venda de peixe, a renovación dos remates de cuberta de aluminio, o cambio de reixa de porta principal de acceso, a limpeza das fachada. Os traballos comezaron polos baños e estanse realizando durante as tardes para non afectar á actividade de venda nas instalacións. 

No referente á limpeza da fachada realizarase con chorro de auga presión e aplicaráselle un tratamento protector. O prazo de execución é de dous meses e a actuación está valorada en 41.245 euros, financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o Concello de Sanxenxo.

En canto á futura nova praza de abastos de Sanxenxo, o Concello ultima a conformación do xurado do concurso de ideas que decidirá cal das 67 propostas recibidas será a elixida para o deseño do novo mercado.