Sanxenxo instala novos módulos en seis praias do municipio

Sanxenxo
07 de xuño 2018

O goberno local de Sanxenxo adquiriu seis módulos para as praias do municipio. Catro son módulos de aseos, en réxime de aluguer e dous de salvamento, que se compraron en propiedade

Instalación de módulos con aseos nas praias de Sanxenxo
Instalación de módulos con aseos nas praias de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo adquiriu seis módulos para as praias do municipio. Catro son módulos de aseos, en réxime de aluguer e dous de salvamento, que se compraron en propiedade.

Os módulos de aseos serán instalados en Caneliñas, Paxariñas, Bascuas e A Lanzada e os módulos de salvamento en Canelas e Montalvo, areais que quedaron sen módulo debido á súa antigüidade e aos temporais do inverno.

Todo isto supoñerá un investimento de máis de 40.000 euros que irán con cargo a fondos propios municipais. O obxectivo é que estes módulos sexan utilizados durante a tempada estival deste ano 2018.

Unha vez que o Concello poida facer realidade o proxecto que se financiará con cargo ao Plan Concellos, os módulos adquiridos en propiedade irán destinados a outras praias do municipio, que tamén necesitan unha renovación dos mesmos.

O goberno enviou á Deputación un proxecto para poder ser financiado a través do Plan Concellos 2018/2019, que permita dotar de novos módulos a seis praias do municipio, e mellorar o servizo dos areais. É por iso que se redactou un proxecto, valorado en 120.000 euros, denominado "subministración, transporte e emprazamento de módulos mixtos prefabricados para salvamento e aseos nas praias".

Esta adquisición permitirá a instalación de módulos mixtos para socorristas e de aseos nos seguintes areais: A Lanzada, Bascuas, Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Silgar.

En canto ás súas características, serán módulos mixtos de 19 e 24 metros cadrados. Estarán divididos en dous espazos, contando cunha parte reservada a salvamento, con todo o material e equipamentos necesarios e outra parte que será para os aseos. Nesta, haberá inodoros, lavabos, espellos, cambiadores de cueiros, entre outros elementos.