Sanxenxo iza as bandeiras azuis nas súas praias

Sanxenxo
05 de xullo 2017

A praia de Pragueira foi o escenario elixido polo goberno municipal de Sanxenxo para celebrar o simbólico acto de izado das bandeiras azuis ás praias do concello. Estes distintivos ondeará este verán en Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira Major, Foxos, Areas Gordas/A Lapa e O Espiñeiro/A Lanzada

Izado da bandeira azul na praia de Pragueira
Izado da bandeira azul na praia de Pragueira / Concello de Sanxenxo

A praia de Pragueira foi o escenario elixido polo goberno municipal de Sanxenxo para celebrar o simbólico acto de izado das bandeiras azuis ás praias do concello.

Estes distintivos ondeará este verán en Silgar, Baltar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira Major, Foxos, Areas Gordas/A Lapa e O Espiñeiro/A Lanzada.

Ademais, tamén se colocaron as bandeiras Q de Calidade, que estarán visibles en Areas, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Montalvo, Pragueira, Major, Areas Gordas e A Lapa. Ademais, tamén terán a bandeira Q o Porto Deportivo de Sanxenxo e a Oficina de Turismo.  

O alcalde en funcións, Gonzalo Pita, presidiu o izado da bandeira en Pragueira, praia que logrou recuperar este ano este galardón.

PREVENCIÓN DE AFOGAMENTOS

En dous destas praias, Silgar e Baltar, celebrarase os días 6 e 7 de xullo unha campaña de prevención de afogamentos, impartida pola ADEAC Bandeira Azul.

Nestes areais instalaranse dúas carpas nas que se desenvolverán diferentes actividades. 

Na primeira delas, transmitiranse consellos básicos de prevención de afogamentos a nenos. Aquí os máis pequenos poderán debuxar un consello de prevención nunha camiseta. Con todas as camisetas debuxadas farase un concurso para elixir a máis orixinal. Esta carpa está destinada a nenos de 3 a 12 anos, acompañados dos seus respectivos adultos responsables. 

Na segunda, dirixida a un público máis adulto, impartiranse nocións básicas de actuación para facer RCP e entregarase material informativo sobre esta técnica. 

O obxectivo destas campañas é trasladar á sociedade as principais pautas de prevención para evitar accidentes na contorna acuática e, no caso de que se produzan, ensinarlles os mecanismos esenciais para actuar ante unha situación de emerxencia.