Sanxenxo licita obras de abastecemento de auga en Vilalonga, Padriñán e Noalla

Sanxenxo
04 de marzo 2019

Contan cun orzamento que ascende a 193.390 euros, que será financiado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os prazos de execución de cada unha destas actuacións serán de catro meses unha vez adxudicadas

Obras de saneamento
Obras de saneamento / PontevedraViva

O goberno local de Sanxenxo licitará esta semana as obras de instalación dun colector de saneamento de augas residuais e tubaxe de abastecemento de auga en Outeiro (Vilalonga), Ricardo Santos (Padriñán) e Quintáns (Noalla) cun orzamento que ascende a 193.390 euros, que será financiado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Os prazos de execución de cada unha destas actuacións serán de catro meses unha vez adxudicadas.

A primeira das obras, en Outeiro, está situada preto da capela de Gondar, e aí, unha vez demolido o pavimento, escavaranse 100 metros de gabia e tres pozos de rexistro. Aquí instalarase un colector de saneamento e tres pozos de rexistro, así como a conexión á rede xeral de abastecemento existente. Unha vez terminadas as obras levará a cabo a reposición do firme.

En Ricardo Santos abrirase unha gabia de 280 metros, que permitirá a instalación dun colector de saneamento, un pozo de rexistro, así como a tubaxe necesaria. E unha válvula de comporta, para terminar coa reposición do firme. 

Por último, en Quintáns, escavarase unha gabia de 900 metros para a instalación das tubaxes necesarias para o abastecemento de auga e o saneamento de residuais.