Sanxenxo quenta motores para recibir miles de moteiros

Sanxenxo
10 de setembro 2025

Organizado polo Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo e coa colaboración do Concello, o evento promete atraer a máis de 20.000 moteiros

Concentración moteira de Sanxenxo
Concentración moteira de Sanxenxo

Este fin de semana, Sanxenxo convértese lugar de peregrinación dos amantes das dúas rodas: a Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas celebra a súa 37ª edición.

Organizado polo Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo e coa colaboración do Concello, o evento promete atraer a máis de 20.000 moteiros que encherán a chaira de Baltar, centro neurálxico desta gran festa que se desenvolverá desde a tarde do venres até o mediodía do domingo.

Os preparativos xa están en marcha: esta mesma tarde comezará a montaxe do arco de entrada na rúa Rafael Picó e a instalación da gran carpa que acollerá moitas das actividades.

Pero a acción arranca oficialmente o venres ás 17:00 horas, coa apertura de inscricións presenciais, o mercadillo moteiro, terrazas ambientadas con música e os primeiros concertos en directo, unha das grandes novidades deste ano.

Ás 19:00 horas, o ruxir dos motores dará paso ao primeiro pase de stunt, onde os máis valentes mostrarán as súas habilidades sobre as dúas rodas. Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, os inscritos gozarán dunha cea na carpa seguida do concerto de Andrés Balado, que abrirá paso a unha auténtica festa moteira con sorteos e agasallos.

O sábado 13 arranca ás dez da mañá con almorzo para os participantes e nova apertura de inscricións. Pola tarde, desde as 16:00 horas, volve o mercadillo, as terrazas e a música, cun potente cartel de concertos: Rock and Prol, Smoke, JJ Compota e Eme Music.

As acrobacias volverán ser protagonistas con dous novos pases de stunt ás 19 e ás 00:00 horas, antes e despois da cea para os inscritos. E, por suposto, a festa seguirá con máis sorteos e diversión.

O domingo comeza tamén con almorzo, e a partir das 11:00 horas prepararase a tradicional excursión pola comarca, que arrincará ás 11:30 horas. Espérase o regreso sobre as 13:30 h, momento no que se servirá a comida.

A clausura chegará coa entrega de trofeos e sorteos, recoñecendo ao Motoclub con máis inscritos (nacional e internacional), ao moteiro de maior idade e ao que veña desde máis lonxe.

Para garantir que todo transcorra con normalidade, a Policía Local e a Garda Civil encargaranse de controlar o tráfico e a contorna do recinto. A rúa Rafael Picó reservarase desde o venres exclusivamente para motos. Desde a organización faise un chamamento á prudencia e responsabilidade durante todo o evento.

Ademais, como parte do compromiso social, o Concello habilitará un Punto Violeta nas inmediacións do Centro de Saúde de Baltar, dispoñible de 20:00 a 23:00 horas os días 12 e 13 de setembro. Un espazo de apoio, información e sensibilización ante calquera situación de violencia machista ou sexista.

Preparación da Concentración de Motos
Preparación da Concentración de motos     Concello de Sanxenxo

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora