Sanxenxo e Poio estudan presentar proxectos conxuntos para captar fondos europeos

Sanxenxo
15 de xaneiro 2025

Telmo Martín e Ángel Moldes, alcaldes de Sanxenxo e Poio, mantiveron unha xuntanza de traballo coas concelleiras María Deza e Rocío Cochón para estudar as opcións

Telmo Martín e Ángel Moldes
Telmo Martín e Ángel Moldes / Concello de Sanxenxo

Os concellos de Sanxenxo e Poio analizan a posibilidade de acceder de xeito conxunto a fondos europeos destinados ao desenvolvemento sostible das entidades locais en materia medioambiental, económica e social.

Os alcaldes de ambos municipios, Telmo Martín e Ángel Moldes, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo na que tamén participaron as concelleiras María Deza e Rocío Cochón.

O obxectivo do encontro foi valorar proxectos conxuntos cos que poder optar a plans europeos, ben sexa para municipios de máis de 20.000 habitantes ou, no seu defecto, para unión de concellos que, sen superar esta poboación, presenten propostas comúns.

A iniciativa busca aproveitar os recursos económicos que ofrece a Unión Europea para determinadas propostas.

Esta iniciativa dos dous alcaldes do Partido Popular busca a colaboración entre ambos municipios limítrofes da comarca do Salnés, coa intención de potenciar as súas posibilidades de acceso a estas liñas de financiamento comunitario a través dunha estratexia compartida.