Sanxenxo pon ao dispor de Sanidade dúas vivendas para médicos

Sanxenxo
23 de xuño 2024

O custo do alugueiro destas dúas vivendas situadas en Miraflores e na Rúa Vidal Rocha, con dúas habitacións, un salón e un baño, é de 11.000 euros  

Centro de Saúde de Baltar
Centro de Saúde de Baltar / Concello de Sanxenxo - Arquivo

O Concello de Sanxenxo poñerá ao dispor da Consellería de Sanidade dúas vivendas no municipio para médicos que residan fóra de Galicia. Deste xeito, Xunta e Concello renovan o convenio, "subscrito con éxito en 2022 e 2023", desde o 1 de xullo e ata o 1 de setembro.

Neste período o municipio multiplica nalgúns casos por ata cinco a súa poboación e require un importante reforzo asistencial. Por iso, con esta medida temporal de alugueiro, buscan que a asistencia médica de veciños e turistas non se vexa mermada por este crecemento poboacional. 

O custo do alugueiro destas dúas vivendas situadas en Miraflores e na Rúa Vidal Rocha, con dúas habitacións, un salón e un baño, é de 11.000 euros.

"Queremos que veciños e visitantes teñan a mellor asistencia sanitaria pública durante períodos como o verán, cando crecemento de forma exponencial a poboación. Funcionou en anos anteriores e repetimos", asegura o alcalde, Telmo Martín.

Esta colaboración, segundo indicou o rexedor, préstase de forma extraordinaria mentres non se solucione o problema latente de falta de médicos pola insuficiente convocatoria de prazas en Atención Primaria por parte do Ministerio de Sanidade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora