Sanxenxo, Portonovo, Nantes, Noalla, Aios, Vilalonga, Dorrón... completa axenda dos Reis Magos

Sanxenxo
03 de xaneiro 2016

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ás 17.00 horas para unha recepción na que atenderán a todos os nenos que se acheguen ao pavillón de Baltar e, a continuación, percorrerán as rúas de Sanxenxo e Portonovo nunha gran cabalgata prevista para as 19.00 horas

Cabalgata de Reis polas rúas de Pontevedra
Cabalgata de Reis polas rúas de Pontevedra

Os Reis Magos tamén farán unha parada en Sanxenxo durante a súa ruta polas Rías Baixas antes da noite máxica do 6 de xaneiro. Chegarán á vila ás 17.00 horas para unha recepción na que atenderán a todos os nenos que se acheguen ao pavillón de Baltar e, a continuación, percorrerán as rúas de Sanxenxo e Portonovo nunha gran cabalgata.

As carrozas sairán ás 19.00 horas do pavillón e percorrerán as rúas Areal, Lalinde del Rio, Mariña e Rafael Pico para dirixirse posteriormente cara a Sanxenxo, entrando pola rúa Progreso, avenida de Madrid e Paseo de Silgar, ata a intersección coa avenida Luís Rocafort.

Durante o seu percorrido, Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán un total de 1.500 quilos de caramelos entre os nenos. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, os doces que se distribuirán entre os asistentes carecerán de ingredientes e aditivos con glute nin derivados do mesmo. Así, todos os pequenos, aínda aqueles que padezan a enfermidade celíaca, poderán gozar das diferentes paradas que realizarán as carrozas.

Ás 17.00 horas do martes 5 tamén haberá cabalgata en Vilalonga. Os Reis Magos sairán do centro da vila e visitarán aos nenos de Gondar, Piñeiros, Costiña, Lagarei, Rouxique, Arnosa, Salgueira e no pavillón.

A visita dos Reis Magos a Sanxenxo incluirá unha cabalgata en Dorrón que partirá ás 17.30 horas de Magaláns; outra en Noalla ás 18.00 horas con saída da carballeira; e unha en Nantes con saída desde a Igrexa ás 18.00 horas.

O mércores día 6, a cita será ás 11 horas en Aios onde Melchor, Gaspar e Baltasar partirán da capela para percorrer as principais rúas do lugar. Máis tarde, a partir das 13.00 horas, a Escola de Educación Infantil de Aios acollerá a representación dun Belén Vivente organizado pola Asociación Xuvenil Os Raposos.