Sanxenxo presiona á Xunta para asfaltar a rúa Progreso antes de Semana Santa

Sanxenxo
16 de febreiro 2016

A Concellería de Seguridade Cidadá require de novo á Xunta a que proceda "sen máis dilación á reposición do firme en ambos os tramos", ante a previsible afluencia de visitantes a Sanxenxo en poucas semanas e o mal estado que presenta o firme

Rúa Progreso en Sanxenxo
Rúa Progreso en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A concelleira de Seguridade Cidadá de Sanxenxo, Vanessa Rodríguez, remitiu un novo escrito á delegación territorial da Xunta en Pontevedra e ao director provincial de Infraestruturas reclamando o asfaltado os tramos urbanos da PO-308, nas rúas Progreso e Avenida de León.

A intención do goberno local é que os traballos, un compromiso adquirido no seu momento pola administración autonómica como titular da vía, se poidan realizar "sen máis dilación" e antes de Semana Santa debido á previsible afluencia de turistas durante esas datas e o mal estado que presentan.

O escrito remitido pola concelleira vai acompañado por un amplo informe policial no que diversas fotografías documentan graficamente o estado da estrada.

A reforma integral da rúa Progreso foi unha das primeiras peticións que o alcalde, Gonzalo Pita, formulou á Consellería tras a súa toma de posesión como alcalde ao tratarse de "unha arteria fundamental da vila e que é obxecto de constantes arranxos debido ao pésimo estado dous seus servizos e que carece doutros imprescindibles como o de recollida de augas pluviais", explicou o rexedor.

Por outra banda, a concelleira de Seguridade Cidadá aproveitou a carta para lembrar a necesidade "urxente" de habilitar un paso de peóns no lugar do Vinquiño.