Sanxenxo prevé reabrir o mercado ambulante e os camposantos

Sanxenxo
10 de maio 2020

O persoal municipal, acompañado da Policía Local, acudirá o luns á primeira hora da mañá para delimitar a distancia de seguridade entre postos e comprobar que se cumpren as garantías sanitarias, así como as medidas hixiénicas esixidas

Limpeza no camposanto de Sanxenxo
Limpeza no camposanto de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo anunciou que ten previsto reabrir o mercado ambulante de Portonovo e os camposantos a partir deste luns 11 de maio, coincidindo co paso á fase 1 da desescalada.

A reapertura será con todas as medidas de seguridade e cun aforo máis reducido que o máximo esixido. Así, dos 159 postos que teñen praza no mercado tan só os de alimentación, 19, poderán retomar, se finalmente é posible, a actividade durante esta primeira semana dando prioridade ao sector de alimentación como marca o decreto.

Desta maneira, o persoal municipal, acompañado da Policía Local, acudirá o luns á primeira hora da mañá para delimitar a distancia de seguridade entre postos e comprobar que se cumpren as garantías sanitarias, así como as medidas hixiénicas esixidas.

Nesta primeira fase que durará polo menos quince días, está permitido o 25% do aforo, polo que a Concellería de Promoción Económica dirixida por Marcos Guisasola, prevé incrementar o número de postos e baralla distintos criterios de selección. En calquera caso, os corredores de tránsito deberán
ter unha anchura de polo menos catro metros. 

En canto aos cemiterios municipais, o Concello de Sanxenxo ten previsto abrir as portas para partir do luns, polo que o goberno local reforzou a limpeza tanto interior como exterior dos mesmos con brigadas de desinfección que se encargan da hixiene destas zonas. Tamén as igrexas serán obxectivo dunha profunda desinfección dos seus accesos ao ser espazos moi concorridos.