Sanxenxo promociona o seu patrimonio como alternativa ao turismo de sol e praia

Sanxenxo
05 de decembro 2016

Sanxenxo é moito máis que sol e praia. Con esa idea en mente, o Concello de Sanxenxo puxo en marcha unha campaña que busca poñer en valor aqueles recunchos do termo municipal que encerran parte da historia local e que conforman un legado patrimonial descoñecido para a maior parte dos visitantes

Capela da Lanzada
Capela da Lanzada / Juan Mejuto

Sanxenxo é moito máis que sol e praia. Con esa idea en mente, o Concello de Sanxenxo puxo en marcha unha campaña que busca poñer en valor aqueles recunchos do termo municipal que encerran parte da historia local e que conforman un legado patrimonial descoñecido para a maior parte dos visitantes.

O tríptico presentado esta fin de semana en Culturgal, Sanxenxo, en dúas horas, é o primeiro material dunha campaña promocional que será apoiada tamén por un audiovisual que convidará a veciños e visitantes a descubrir un Sanxenxo alternativo ás zonas de praia e litoral. 

Nel, convídase a realizar unha ruta semicircular que, en coche, percórrese en pouco máis de dúas horas. Partindo do xacemento da Lanzada, un dos principais activos patrimoniais que o Concello busca promocionar, continúa pola ermida da Lanzada e os restos da torre.

Moi preto, xa en Major, a segunda parada é para descubrir a ruta acondicionada recentemente pola Comunidade de Montes de Noalla e que a través dun carreiro paralelo ao río leva ao camiñante ata varios muíños perfectamente restaurados.

O Priorado de Arra e a contorna do campo de San Roque en Portonovo integran tamén estar ruta que marca unha parada no centro histórico de Sanxenxo, onde o Templo Vello, unha edificación con máis de 500 anos de historia, e a antiga reitoral mantéñense como emblemas que resistiron a transformación urbanística sufrida por esta vila.

Igrexas como a de Bordóns, a de Dorrón, a capela do Santo ou a de Santo Tomé de Gondar son algunhas das propostas de arquitectura relixiosa incluídas nesta ruta, que conclúe convidando a visitar o importante patrimonio inmaterial que se conserva na zona litoral de Vilalonga, onde ademais de situarse o Centro de Interpretación das Telleiras pode descubrirse a riqueza ornitolóxica e ambiental que reside nas lagoas.